domingo, 16 de septiembre de 2012

O ALVAR chega ó "mínimo"

Cando comezamos, hai un par de anos, a traballar no ALVAR (Atlas e Libro Vermello dos Anfibios e Réptiles de Galicia) comezamos a poñernos pequenos retos:
Temos que conseguir tales citas por esta zona de Ourense...
Estaría ben sacar máis citas de Lissotriton helveticus por esta zona...
E a cousa foi medrando e sacando especies en lugares onde nunca se atoparan e descubrindo novos paraísos en Galicia (si, non todo é pasto de eucaliptais nin do asfalto). E propuxémonos novos retos, esta vez máis grandes.
O primeiro foi ter alomenos unha especie de hérpeto en cada unha das 365 cuadrículas de Galicia. Esto parece fácil pero pódovos dicir que non o é. A parte do grande que é Galicia, hai que ter en conta que algunhas destas 365 UTM's teñen moi pouco territorio dentro de Galicia. Isto, con bastante traballo, fixémolo o ano pasado e para constatar a súa dificultade, dicir que foi a primeira vez que un atlas de distribución de fauna galega conseguiu este reto.
Pero non quixemos quedarnos ahi. Buscamos un novo reto, xa que ter unha especie nunha cuadrícula non nos parecía suficiente. ¿Cal é o mínimo? Pois realmente a maioría das cuadrículas de Galicia teñen potencialmente unhas 20 especies de hérpetos. Pois consideramos que 10 era o mínimo "aceptable" se queríamos facer un bo traballo. O problema é para aquelas cuadrículas que teñen pouca terra galega. Por iso decidimos o seguinte:
-Cuadrículas con entre 10 e 25 km cadrados en terra galega: 5 especies ou máis.
-Cuadrículas con máis de 25 km cadrados en terra galega: 10 especies ou máis.
A gran maioría corresponderíalle 10 especies e as de costa e fronteira con Portugal, Asturias e Castela León de entre 10 e 25 km cadrados de terra galega corresponderínlle 5 especies. Aqui un mapa das diferentes UTM coa superficie que teñen segundo esta clasificación:


Pois seguimos traballando pouco a pouco e hoxe mesmo, tras realizar unha fugaz visita ás terras da Pobra do Caramiñal, conseguimos este novo reto. ¿E cal foi a afortunada especie que nos deleitou coa súa presenza superando este gran reto? Aínda que pareza mentira foi esta:


Si, unha fermosa Hyla arborea, a que desde sempre lle teño un cariño especial (será polo de ser da Terra Chá). E así queda o resultado (polo momento) do ALVAR. Como podedes imaxinar, moito monte, moitos bichos e moito traballo:


Aínda hai faltas que non me gustan moito (teño que recoñecer que son bastante repugnante). Fai falla máis traballo por Pontevedra (ou colaboradores!!!), faltan algunhas cuadrículas de especies interesantes por confirmar, pero o "mínimo" xa está conseguido.
E como non, agradecer ó resto de compoñentes dos seis magníficos do ALVAR (que contribúen con máis de 1.000 cuadrículas especies), a Anxos, Rafa, Pedro, Xabi e Manu. E non me enquenzo de todos aqueles que mandaron moitos datos: Xosé Ramón, Javier Eiras, Damián, Ricardo, Alberto Rivero, Fernando Bocagei, Raúl e outros compañeiros que axudaron a  conseguir este grande reto.
E a todos recordar que seguimos traballando para rematar (quizáis) o próximo ano. Enviádenos as vosas observacións de hérpetos que serán moi ben recibidas.

ADENDA: faltábame poñer o número de UTM*especie de cada taxón. Temos 3.167 UTM*sp de anfibios e 2.373 de réptiles, o que fai un total de 5.540 UTM*sp de hérpetos. Atlas anteriores teñen menos UTM*sp de hérpetos como o primeiro atlas de Galicia que ten 3.751 UTM*sp, o atlas do Ministerio-AHE que ten 4.801 UTM*sp, ou o último atlas da SGHN que ten 3.656 UTM*sp.
Nota: a unidade UTM*sp serve para comparar o número de datos existentes nun atlas. Calcúlase sumando as especies atopadas en cada unha das UTM da área de estudo. No noso caso, para calcular o número de UTM*sp de hérpetos, temos que sumar tódolos números que vedes no mapa de arriba.

ALVAR Atlas 95 Ministerio-AHE SGHN 2010
Anfibios 3167 1913 2454 2080
Réptiles 2373 1838 2347 1576
Hérpetos 5540 3751 4801 3656



5 comentarios:

  1. Parabéns meu!!! Que bo traballo!!! Oe, quero.mandarche máis cititas de herpetos. Ata cando teño marxe?

    Apertas,
    Damián

    ResponderEliminar
  2. Boas,
    Graciñas. Tes tempo pero se as mandas antes de finais de ano (tes uns meses para elo), xa vemos onde hai boa cantidade de especies e invertimos o esforzo noutras zonas que estean máis frouxas. Pero aínda que se vexan moitas especies nunha UTM, anímovos a enviar as citas igual. Pode ser unha especie que falta ou novas poboacións ou lugares de interese.
    Supoño que remataremos todo a mediados do próximo ano polo que ata daquela hai tempo.
    Unha aperta,
    Martiño

    ResponderEliminar
  3. Boas,
    Fixen unha adenda á entrada, xa que estaba incompleta.
    Unha aperta,
    Martiño

    ResponderEliminar
  4. Parabéns para todo o equipo, Martiño. E sobre todo para tí, que és a auténtica alma máter dese auténtico desafío. Os que temos traballado algo en Atlas sabemos o enorme valor deses 10 spp/cuadrícula, e as moitísimas horas de campo e quilómetros que son necesarios para poder lograr ese éxito (por moita financiación que poida haber).

    Agora, aproveitándome un pouco das influencias, espero conseguir algún exemplar do Alvar en canto estea publicado, para meu sobriño Paulo (o Atlas da SGHN débeo saber de memória xa!)


    ResponderEliminar
  5. Felcidades a todos polo estupendo traballo. Moitos ánimos para continuar. Intentarei enviar algunhas citas.

    ResponderEliminar