jueves, 7 de junio de 2012

Novo proxecto: Biodiversidade Galega

Despois de meses de preparación sae o blog Biodiversidade Galega, unha voz que pretende unir ao mundo naturalista en Galicia a partir da súa biodiversidade, unha ferramenta na rede capaz de artellar unha mancomunidade de afeccionados e expertos nas diferentes especies que habitan o territorio galego, para coñecela, difundila e protexela. É un primeiro paso onde todos os entusiastas da natureza e da biodiversidade podan ir dando a coñecer as noticias, imaxes, estudos, denuncias, sobre o estado actual da biodiversidade galega. Pero esperamos non quedarnos aquí. Este só será un pequeno paso como preludio dun grande portal galego da biodiversidade.

É por iso que necesitamos da túa axuda. Da axuda de todos. Por que queremos crear un portal onde centralizar toda a información biolóxica existente, recollendo noticias doutros blogs e medios de comunicación, realizando artigos descritivos e fichas de identificación, propoñendo traballos de campo e actividades, promovendo colaboracións e artellando unha base de dados á que calquera puidese ter acceso para os seus estudos. Son necesarias persoas expertas nos distintos apartados que abrangue a biodiversidade, persoas que dominen aspectos informáticos, lingüísticos, legais así como entusiastas da natureza para o mantemento xeral do proxecto.

Necesitamos biólogos expertos nos distintos grupos animais e vexetais. Necesitamos naturalistas para facer saídas ao campo, artigos, fichas de identificación, deseños, fotografías, vídeos. Necesitamos persoas con coñecementos informáticos para levar un servidor e un portal web. Necesitamos blogueiros, deseñadores, fotógrafos e toda persoa que queira colaborar connosco neste grande proxecto.

Grande ou pequena toda colaboracióné precisa, ponte en contacto con nós.

martes, 24 de abril de 2012

Charla de identificación de hérpetos galegos

Este fin de semana tiven o pracer de impartir un curso de identificación de anfibios e réptiles. Expúxose unha presentación e comentáronse moitas cousas sobre a identificación, distribución e bioloxía dos hérpetos galegos. Pouco a pouco, irei engadindo máis información. Agora comparto a presentación realizada por se tedes interese nela.

Charla Hérpetos

miércoles, 14 de marzo de 2012

Pintafontes palmeados en Trevinca

Como algún de vos saberedes, un grupo de herpetólogos profesionais e afeizoados, estamos a realizar o Atlas e Libro Vermello dos Anfibios e Réptiles de Galicia. Comezamos xuntando as citas que tiñamos das nosas viaxes e traballos por Galicia adiante e levamos un tempo facendo viaxes específicas na busca de especies e cubrindo todo o territorio galego.

Unha destas especies que buscamos de maneira habitual é o pintafontes palmeado (Lissotriton helveticus). Témoslle un especial cariño (non todo vai ser ciencia!!!) e hai que admitir que a súa distribución e selección do hábitat é das que fan pensar.

No ano 2010 e 2011, fixemos varias viaxes á fermosa serra Trevinca, para min o mellor cordal que temos en Galicia (outro día explicarei as miñas razóns) e tivemos a sorte de atopar esta especie. Este achádego sería excepcional senón fora por que os exemplares atopados estaban a 200 metros da fronteira de Ourense, concretamente na provincia de Zamora. Esta cita foi unha das máis buscadas o ano pasado xa que, aínda que a especie está citada en Zamora de maneira moi escasa, nunca foi citada nesta serra no lado galego. Pero non houbo sorte.

Sen embargo, este ano tomámolo como unha prioridade e ali nos fomos o fin de semana pasado, nunha viaxe organizada co compañeiro Rafa Vazquez (hábil herpetowatcher e colaborador do Atlas). O venres partimos Anxos e máis eu para estar en Trevinca de noite e poder facer unha pequena mostraxe e durmir na montaña, cousa que se debe facer a miúdo. Chegamos e comezamos a mostraxe vendo larvas de píntega (Salamandra salamandra), pintafontes común (Lissotriton boscai) e pintafontes verde (Triturus marmoratus). Na seguinte parada, na que non tiñamos moita esperanza, continuamos cos T. marmoratus e comezan a aparecer as ras verdes (Pelophylax perezi) e o máis sorprendente, unha femia de L. helveticus, esta si en territorio galego.







Logo retomamos as mostraxes mostreando unha serie de lagoas, todo isto baixo unha impresionante noite sen lúa e no medio da serra. Nunha delas apareceu o seguinte individuo, neste caso un macho.






Estes dous exemplares contitúen as primeiras citas da especie en dúas cuadrículas da zona de Trevinca. Debido ós requerimentos da especie e a zona onde foron atopados e nas que faltaría por atopar, supoñemos que non haberá moitas máis cuadrículas de 10x10 km desta especie na zona.

O interese fundamental de Trevinca é que constitúe unha "illa eurosiberiana" rodeada de zonas de clima mediterráneo (desde o mesomediterráneo ata o oromediterráneo) que fai que sexa posible atopar especies como o L. helveticus, a ra vermella (Rana temporaria) ou a lagartixa de Trevinca (Iberolacerta galani). Tamén é posible atopar odonatos tipicamente eurosiberianos como Aeshna juncea, Lestes sponsa e Sympetrum flaveolum.

Esta entrada vai adicada a Xabi Prieto para que se anime a vir a Trevinca, invitación extensible a todos vos.

Retomamos o proxecto

Boas,
Logo dun tempo de indecisión e de dúbidas sobre a creación dun blog herpetolóxico das miñas (e nosas) andainas por Galicia, retomo este proxecto e intentarei cumplir publicando habitualmente post sobre os hérpetos galegos. Comezaremos ós poucos e logo intentaremos ir medrando e facendo máis cousiñas.
Espero que vos guste e anímovos a participar e a deixar os comentarios que queirades. Co tempo irei comentando proxectos nos que traballe e solicitareivos axuda para levalos adiante (SARGA, Atlas de anfibios e réptiles de Galicia, Inventario de humidais, etc).

viernes, 4 de marzo de 2011

Actualización

Acabo de subir os arquivos coa nova funcionalidade. Esta atópase ó final da ficha de inclusión de datos, logo do campo de observacións:


Debe introducirse o enlace baixo o campo Arquivo anexo (Dirección). Logo de actualizar a base de datos (premer F9) aparecerá baixo o campo Arquivo anexo (Enlace) a palabra Enlace, na que se pode premer e abrir directamente o arquivo enlazado.

Grazas a Damián pola súa axuda, xa que esta nova funcionalidade foi suxerida por el.