martes, 24 de abril de 2012

Charla de identificación de hérpetos galegos

Este fin de semana tiven o pracer de impartir un curso de identificación de anfibios e réptiles. Expúxose unha presentación e comentáronse moitas cousas sobre a identificación, distribución e bioloxía dos hérpetos galegos. Pouco a pouco, irei engadindo máis información. Agora comparto a presentación realizada por se tedes interese nela.

Charla Hérpetos

miércoles, 14 de marzo de 2012

Pintafontes palmeados en Trevinca

Como algún de vos saberedes, un grupo de herpetólogos profesionais e afeizoados, estamos a realizar o Atlas e Libro Vermello dos Anfibios e Réptiles de Galicia. Comezamos xuntando as citas que tiñamos das nosas viaxes e traballos por Galicia adiante e levamos un tempo facendo viaxes específicas na busca de especies e cubrindo todo o territorio galego.

Unha destas especies que buscamos de maneira habitual é o pintafontes palmeado (Lissotriton helveticus). Témoslle un especial cariño (non todo vai ser ciencia!!!) e hai que admitir que a súa distribución e selección do hábitat é das que fan pensar.

No ano 2010 e 2011, fixemos varias viaxes á fermosa serra Trevinca, para min o mellor cordal que temos en Galicia (outro día explicarei as miñas razóns) e tivemos a sorte de atopar esta especie. Este achádego sería excepcional senón fora por que os exemplares atopados estaban a 200 metros da fronteira de Ourense, concretamente na provincia de Zamora. Esta cita foi unha das máis buscadas o ano pasado xa que, aínda que a especie está citada en Zamora de maneira moi escasa, nunca foi citada nesta serra no lado galego. Pero non houbo sorte.

Sen embargo, este ano tomámolo como unha prioridade e ali nos fomos o fin de semana pasado, nunha viaxe organizada co compañeiro Rafa Vazquez (hábil herpetowatcher e colaborador do Atlas). O venres partimos Anxos e máis eu para estar en Trevinca de noite e poder facer unha pequena mostraxe e durmir na montaña, cousa que se debe facer a miúdo. Chegamos e comezamos a mostraxe vendo larvas de píntega (Salamandra salamandra), pintafontes común (Lissotriton boscai) e pintafontes verde (Triturus marmoratus). Na seguinte parada, na que non tiñamos moita esperanza, continuamos cos T. marmoratus e comezan a aparecer as ras verdes (Pelophylax perezi) e o máis sorprendente, unha femia de L. helveticus, esta si en territorio galego.







Logo retomamos as mostraxes mostreando unha serie de lagoas, todo isto baixo unha impresionante noite sen lúa e no medio da serra. Nunha delas apareceu o seguinte individuo, neste caso un macho.






Estes dous exemplares contitúen as primeiras citas da especie en dúas cuadrículas da zona de Trevinca. Debido ós requerimentos da especie e a zona onde foron atopados e nas que faltaría por atopar, supoñemos que non haberá moitas máis cuadrículas de 10x10 km desta especie na zona.

O interese fundamental de Trevinca é que constitúe unha "illa eurosiberiana" rodeada de zonas de clima mediterráneo (desde o mesomediterráneo ata o oromediterráneo) que fai que sexa posible atopar especies como o L. helveticus, a ra vermella (Rana temporaria) ou a lagartixa de Trevinca (Iberolacerta galani). Tamén é posible atopar odonatos tipicamente eurosiberianos como Aeshna juncea, Lestes sponsa e Sympetrum flaveolum.

Esta entrada vai adicada a Xabi Prieto para que se anime a vir a Trevinca, invitación extensible a todos vos.

Retomamos o proxecto

Boas,
Logo dun tempo de indecisión e de dúbidas sobre a creación dun blog herpetolóxico das miñas (e nosas) andainas por Galicia, retomo este proxecto e intentarei cumplir publicando habitualmente post sobre os hérpetos galegos. Comezaremos ós poucos e logo intentaremos ir medrando e facendo máis cousiñas.
Espero que vos guste e anímovos a participar e a deixar os comentarios que queirades. Co tempo irei comentando proxectos nos que traballe e solicitareivos axuda para levalos adiante (SARGA, Atlas de anfibios e réptiles de Galicia, Inventario de humidais, etc).

viernes, 4 de marzo de 2011

Actualización

Acabo de subir os arquivos coa nova funcionalidade. Esta atópase ó final da ficha de inclusión de datos, logo do campo de observacións:


Debe introducirse o enlace baixo o campo Arquivo anexo (Dirección). Logo de actualizar a base de datos (premer F9) aparecerá baixo o campo Arquivo anexo (Enlace) a palabra Enlace, na que se pode premer e abrir directamente o arquivo enlazado.

Grazas a Damián pola súa axuda, xa que esta nova funcionalidade foi suxerida por el.

jueves, 3 de marzo de 2011

Nova función: enlace a fotografías ou outros documentos

Estes días estiven facendo algunha que outra mellora na base de datos que se resume nunha mellora no rendemento das fórmulas que calculan os mapas e gráficas. Tamén engadín unha nova mellora para a folla de inclusión de citas que é a posibilidade de engadir un enlace a un arquivo fotográfico, ven situado en internet (Flickr, Panoramio, etc) ou o propio disco duro do ordenador.

Esta nova funcionalidade permite mellorar a confirmación de especies que presenten dúbidas xa que se pode acompañar unha cita coa súa correspondente imaxe de confirmación. Tamén é un servizo útil para os colaboradores para así poder ter xeorreferenciadas e identificadas as súas fotografías.

Espero colgar hoxe mesmo a nova base de datos, que espero que sexa do voso agrado e utilidade.