viernes, 7 de septiembre de 2012

Un reto, 365 cuadrículas

Xa levamos un tempo cun novo e interesante proxecto para nós, o Atlas e Libro Vermello dos Anfibios e Réptiles de Galicia (ALVAR). É un proxecto no que un pequeno grupo de herpetólogos, xunto cun bo grupo de colaboradores, intentamos determinar a distribución dos anfibios e réptiles de Galicia dun modo o máis exacto e intensivo posible. Intentamos atopar tódalas poboacións existentes no territorio galego e obter o maior número de datos posibles. Iso si, o principal non é a cantidade senón a calidade. Intentamos ser o máis fiables posibles e descartamos calquera cita dubidosa que non poidamos comprobar.

Hai un tempo que xa cumprimos un dos obxectivos do proxecto, que era ter alomenos unha especie de anfibios ou réptiles en cada unha das cuadrículas de Galicia. Isto é a primeira vez que se consegue e non me estraña que non se acadara antes, xa que hai cuadrículas de tamaño mínimo en Galicia (para nos non son válidas as observacións rexistradas fora de Galicia, aínda que isto suceda por poucos metros).

Logo disto, un novo reto persoal tomou sentido. Ter alomenos unha especie de hérpeto rexistrado en cada unha das 365 cuadrículas galegas. Teño que recoñecer que no fondo isto é unha tontería sen moito sentido xa que para min foi moito máis importante que o ALVAR alcanzara este logro pero isto tamén me ten "gracia".

O ano pasado, Anxos e máis eu rematamos con 364 cuadrículas con hérpetos observados. Chegou setembro con esta cantidade de cuadrículas con alomenos unha especie de hérpeto pero tiñamos un problema, a que nos faltaba era a zona sur de Ons. E isto si que é un problema que poderíamos ter solucionado se o noso obxectivo fora moi importante (hai barcos do Parque que van tódalas semanas do continente a Ons) pero considerábamos que non era un obxectivo tan importante como para andar a molestar ó persoal que xestiona a illa.

Pois a semana pasada (só uns días antes de que pecharan o barco turístico, parece que non escarmentamos), achegámonos á illa de Ons, terra dos meus antergos do lado materno, que eran illáns, e fomos á busca desa especie que necesitabamos. O sur de Ons e Onza son os dous únicos lugares que teñen hérpetos nesta cuadrícula e alí nos diriximos cara o mirador situado na enseada de Fedorento. Alí, entre turistas que non vían o mesmo ca nós, un fermoso exemplar de Timon lepidus (antes Lacerta lepida). Ahí vai unha foto:


O bicho estaba tan tranquilo a pouca distancia da xente. Moi tranquilo, confiando da súa cor verde e mimética para que non o recoñeceran. 

Posteriormente, baixamos ata a Enseada de Fedorento, moi interesante debido a que é moi fácil baixar ata a liña de costa e poder buscar as interesantísimas poboacións de Natrix maura que viven no mar!!! Logo de estomballarnos e disfrutar das vistas, fun á busca dalgunha mauriña. E pouco tardei en poder ver a primeira nun rochedo. Estaba a pouco máis de 10 metros da auga do mar. Puiden collela pero como tiña parte do corpo metido entre dúas pedras decidín soltala para evitar facerlle dano (iso é o principal sempre !!!).

Logo, apareceu unha pequena maura na liña da costa. Cando a vimos estaba a menos dun metro da auga do mar e poucos minutos despois, a marea xa cubría a zona onde estaba.


Aquí unha foto do hábitat:


Tamén puidemos observar a Podarcis hispanica nos coios que están máis arriba da liña de auga, cerca da liña de toxos costeiros.

Pois aquí queda o reflexo dun fermoso día illá no que puidemos completar un pequeno reto persoal. E anúnciovos que, se todo vai ben, para a semana teremos un reto novo, este xa do ALVAR, conseguido. E este si que vai ser importante.

6 comentarios:

  1. Opá Martiño:

    Sigo flipando, aos meus anos, coas Maura mariñas. Paréceme unha auténtica pasada ver oficios en auga salada na nosa latitude.

    E parabén spolo éxito do ALVAR. Coñecendo ao persoal que traballa niso e a súa capacidade descomunal, non me estrana o ben que está saíndo todo.

    Un abrazo, "meiriño" (xa dicía eu que non me tiñas moito de lucense, je, je,..)

    PD: Cómo fastidia cando parte do corpo está nun furado e tes que soltar a serpe para non a mancar. Cantas veces me terá pasado tamén!

    PD2: ¿Se meu sobriño mira este blogue, pódolle dicir os nomes vulgares das especies, ou ten que aprender os científicos?

    ResponderEliminar
  2. "Oficios" en auga salgada...ja, ja. Bacilo incluso cando non quero!! É defecto do animal.

    ResponderEliminar
  3. "Bacilo" incluso cando non quero...(quería dicir "bacteria")

    VACILO SEN QUERER, SOCORRO!! Que alguén me axude!!

    ResponderEliminar
  4. Nada, nada, que se afaga os científicos. Ambos son importantes!!!
    Graciñas polos parabens que tamén son para ti, como gran colaborador, xa que eres un dos "seis magníficos", jejeje.
    Unha aperta,
    Martiño

    ResponderEliminar
  5. Iso de meterme no mesmo "lote" onde estades ti e Pedro paréceme moi forte. Entendereino coma un pequeno regalo de cumpreanos pola túa parte.

    Téñoche dito varias veces que a xente coma mín non facemos outra cousa que "parasitar" os coñecimentos que vós aportades con moito esforzo e con moitas horas do voso tempo e traballo. Eu adícome só a divulgar o que aprendín de Curt, de Pedro e de ti. Técnicamente, xa que logo, non é simbiose, senón parasitismo, non sí? Que responda o biólogo.

    Un abrazo moi forte, rapás.

    ResponderEliminar
  6. Que va! Ben sabes que é sincero e non dependente da efeméride.
    Ademais do teu papel divulgador, nunca esquencerei a túa labor (e a de Manu) prospectando unha dura zona herpetolóxica como é o norte de Coruña e Lugo.
    Mil apertas,
    Martiño

    ResponderEliminar