miércoles, 14 de marzo de 2012

Pintafontes palmeados en Trevinca

Como algún de vos saberedes, un grupo de herpetólogos profesionais e afeizoados, estamos a realizar o Atlas e Libro Vermello dos Anfibios e Réptiles de Galicia. Comezamos xuntando as citas que tiñamos das nosas viaxes e traballos por Galicia adiante e levamos un tempo facendo viaxes específicas na busca de especies e cubrindo todo o territorio galego.

Unha destas especies que buscamos de maneira habitual é o pintafontes palmeado (Lissotriton helveticus). Témoslle un especial cariño (non todo vai ser ciencia!!!) e hai que admitir que a súa distribución e selección do hábitat é das que fan pensar.

No ano 2010 e 2011, fixemos varias viaxes á fermosa serra Trevinca, para min o mellor cordal que temos en Galicia (outro día explicarei as miñas razóns) e tivemos a sorte de atopar esta especie. Este achádego sería excepcional senón fora por que os exemplares atopados estaban a 200 metros da fronteira de Ourense, concretamente na provincia de Zamora. Esta cita foi unha das máis buscadas o ano pasado xa que, aínda que a especie está citada en Zamora de maneira moi escasa, nunca foi citada nesta serra no lado galego. Pero non houbo sorte.

Sen embargo, este ano tomámolo como unha prioridade e ali nos fomos o fin de semana pasado, nunha viaxe organizada co compañeiro Rafa Vazquez (hábil herpetowatcher e colaborador do Atlas). O venres partimos Anxos e máis eu para estar en Trevinca de noite e poder facer unha pequena mostraxe e durmir na montaña, cousa que se debe facer a miúdo. Chegamos e comezamos a mostraxe vendo larvas de píntega (Salamandra salamandra), pintafontes común (Lissotriton boscai) e pintafontes verde (Triturus marmoratus). Na seguinte parada, na que non tiñamos moita esperanza, continuamos cos T. marmoratus e comezan a aparecer as ras verdes (Pelophylax perezi) e o máis sorprendente, unha femia de L. helveticus, esta si en territorio galego.







Logo retomamos as mostraxes mostreando unha serie de lagoas, todo isto baixo unha impresionante noite sen lúa e no medio da serra. Nunha delas apareceu o seguinte individuo, neste caso un macho.






Estes dous exemplares contitúen as primeiras citas da especie en dúas cuadrículas da zona de Trevinca. Debido ós requerimentos da especie e a zona onde foron atopados e nas que faltaría por atopar, supoñemos que non haberá moitas máis cuadrículas de 10x10 km desta especie na zona.

O interese fundamental de Trevinca é que constitúe unha "illa eurosiberiana" rodeada de zonas de clima mediterráneo (desde o mesomediterráneo ata o oromediterráneo) que fai que sexa posible atopar especies como o L. helveticus, a ra vermella (Rana temporaria) ou a lagartixa de Trevinca (Iberolacerta galani). Tamén é posible atopar odonatos tipicamente eurosiberianos como Aeshna juncea, Lestes sponsa e Sympetrum flaveolum.

Esta entrada vai adicada a Xabi Prieto para que se anime a vir a Trevinca, invitación extensible a todos vos.

4 comentarios:

  1. Pois grazas pola dedicatoria, Martiño. Unha estupenda observación.
    Gostaríame de verdade ir á Serra do Eixo ou á Segundeira (eu prefiro usar estes nomes ca "Trevinca") Pero non creo que poda este ano.
    No hipotético caso de ir aló con vós, xa sabes que eu sonvos máis de madrugar que de quedar á noite, polo tema da paxarada.

    Cambiando de tema, non recibín contestación da rapaza aquela polo do Sarga.

    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  2. Graciñas, rapaces. Por que dis iso, Xabi? Teño moitas dúbidas sobre o nome que se debe usar. Eu aplico, quizais de maneira qeuqivocada, Serra do Eixo ó cordal que ten o Alto da Moneda; Serra Calva ó que fai fronteira con Zamora e Trevinca para todo o conxunto. Seguro que están mal dados os nomes.
    Unha aperta,
    Martiño

    ResponderEliminar
  3. Para mín a Serra do Eixo é como dís, a que inclúe os altos da Moneda e o Maluro, rematando polo Leste nas Trevincas. Ou sexa con orientación NW-SE.
    Entendo que A Serra Calva chámase á liña de altos que limitan con Zamora ao SW do macizo principal, incluíndo as lagoas de Ocelo e A Serpe, mantendo unha orientación máis "horizontal" W-E (aproximadamente).
    A Segundeira estaría máis metida na provincia de Zamora entre os altos de Torno e o Moncalvo. Pero podería interpretarse que empeza en Trevinca tamén.

    Polo tanto Trevinca os naturalistas quizá deberíamos incluíla nunha destas cordais. Ben como final oriental do Eixo, ou como comezo septentrional da Segundeira.

    Seguro que se falas cun montañeiro che conta outra película distinta, je, je,..

    Un abrazo.

    ResponderEliminar